Saturday 04 de May de 2024

Detectada a procesionaria do piñeiro en varios parques de Oleiros


Crece a preocupación entre os veciños polos riscos que supón este insecto para a saúde de persoas e animais.

Veciños das zonas de Beiramar, Agramar e Santa Cristina trasladaron ao PP de Oleiros a súa preocupación pola presenza da procesionaria do piñeiro (Thaumetopoea pityocampa) nos parques e xardíns das súas inmediacións e alertan sobre os riscos para a saúde e as consecuencias negativas sobre as propias árbores.

Nestes momentos pode indentificarse facilmente e a primeira ollada nas propias árbores polos bolsones de seda das larvas nas copas dos piñeiros e polas formacións que adoptan as orugas en procesión cando descenden ao chan.

É nesta fase de oruga cando presentan pelos urticantes por toda a súa superficie capaces de causar, por contacto, importantes molestias a persoas e animais. Estes pelos urticantes poden mesmo permanecer suspendidos no aire e ocasionar irritacións, dermatites e alerxias aos máis sensibilizados. O contacto directo cos bolsones de seda podería causar problemas de certa gravidade.

O PP de Oleiros pon de manifesto este preocupante asunto e insta á corporación municipal a desenvolver unha programación preventiva, correctora e sostida no tempo que permita a súa solución, tendo ademais en conta que os ámbitos para tratar son reducidos e localizados.